Friday 03 de May de 2024

O fotógrafo Román Montesinos presenta en Fene as súas novas “Metáforas Visuais”


A mostra inaugúrase este xoves ás oito do serán e permanecerá na Sala de Exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ata o vindeiro 4 de marzo. Poderá visitarse de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. (Horario especial durante o Entroido: sábado 6 de febreiro, pechado; luns 8 e martes 9 de febreiro, de 10 a 14,15 horas; mércores 10 de febreiro, pechado).

Román Montesinos naceu na cidade da Coruña en 1952. É xeólogo (paleontólogo), doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo, Catedrático da Universidade da Coruña e, actualmente, docente nesa institución.

Desde finais dos anos sesenta é aficionado á fotografía. Participou nos seus primeiros eventos fotográficos a mediados dos anos setenta en Oviedo, en exposicións colectivas organizadas por distintas entidades. Naquela época obtivo un primeiro accésit nun concurso organizado polo Colexio Nacional de Xeólogos conxuntamente coa ‘Caja de Ahorros de Asturias’.

A obra fotográfica deste artista tense vencellado coa fotografía metafórica (metáforas visuais – poesía visual). Nas súas fotografías tenta evocar distintos tipos de sentimentos, conxugando o material –obxectos diversos- co anímico. Na súa obra predominan os dobres sentidos e, con moita frecuencia, un humor subxacente.
Montesinos é autor de máis dunha trintena de exposicións individuais: na Coruña (Asociación Alexandre Bóveda, libraría Arenas, Facultade de CC da Educación, etc); no Concello de Culleredo, na Universidade de Oviedo, en Do Forno, en Lugo, na Universidade de León, na Casa Charry do concello de Oleiros, no Ateneo Ferrolán, no Colexio Universitario de Ponferrada, na Casa de Galicia en Madrid e no propio Museo do Humor de Fene onde xa amosou as súas fotografías ate en dúas ocasións anteriores (amais de que unha das súas instantáneas, titulada “Tacitas de café” forma parte da colección permanente do Museo do Humor)
A súa obra foi difundida en medios de prensa nacionais e internacionais (Boston, USA) e, virtualmente, na agrupación fotográfica F11 de Alemania, con dúas exposicións monográficas en decembro de 2008 e xaneiro de 2011.